Friday 03 de May de 2024

A Axencia de Coñecemento en Saúde coordina o proxecto europeo TITTAN para potenciar a innovación sanitaria


O obxectivo é establecer unha rede de intercambio de experiencias con 7 rexións europeas

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) é a coordinadora do proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network), que ten como obxectivo establecer unha rede de intercambio de coñecemento con 7 rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da Sanidade. O proxecto finánciase a través do Programa InterregEurope e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva na que participaron 2.158 organizacións europeas a través da presentación de 261 propostas de proxecto.

Trátase de compartir entre os membros boas prácticas para fomentar a innovación dende o exterior cara os sistemas sanitarios, como é o caso da Compra Pública Innovadora. TITTAN tamén pretende impulsar a transferencia de tecnoloxía dende os sistemas sanitarios ao paciente. Ademais, a terceira liña de actuación vai dirixida a involucrar á cidadanía na xestión do envellecemento e da saúde mediante o uso de hábitos, procesos e tecnoloxías innovadoras.

O plan, que conta cun orzamento de case 1,7 millóns de euros de fondos europeos, divídese en dúas fases. Unha primeira de intercambio de boas prácticas entre os socios do consorcio e deseño dun plan de acción por parte de cada un deles, cunha duración de 30 meses; e unha segunda fase de implantación dos plans elaborados anteriormente, cunha duración de 24 meses.

A semana pasada tiveron a primeira xuntanza no Concello de Amsterdam para establecer a súa posta en marcha, coordinación e planificación. O próximo mes de setembro reuniranse en Santiago de Compostela con motivo do primeiro dos cinco talleres que se levarán a cabo durante o proxecto. Neste acto compartirán as boas prácticas que se están a implantar actualmente en cada unha das rexións en relación a primeira área temática: Adopción e desenvolvemento de prácticas innovadoras dende o exterior aos sistemas sanitarios.

Socios colaboradores
Baixo o liderazgo de ACIS participan nesta iniciativa outras organicacions de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); o Digital Health & Care Institute (DHI de Escocia en Reino Unido); a Lower Silesian Voivodeship Marshal Office (LSVMO da Baixa Silesia en Polonia e o Concello de Amsterdam nos Países Baixos.

Ademais, en colaboración con ACIS, Sergas e coa Consellería de Sanidade, participan no proxecto a Axencia Galega de Innovación (GAIN); o Cluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA); o Clúster de Saúde; e as Fundacións Biomédica Galicia Sur; Ramón Dominguez; e Profesor Novoa Santos.